domingo, 7 de septiembre de 2014

LOMCE

Esta é a orde para o que a desexe ler e informarse dun xeito máis amplio e "legal".
Coma curiosidade remarquei en negrita o máis salientable para nós ou para min a hora de enfocar y acadar os obxectivos desta área. Podería resumilo a groso modo en matemáticas "na vida e para a vida", que quere dicir, pois que nesta etapa deberían ser uns saberes prácticos e atraintes para a vida cotiá, aprendizaxescontextualizados


ORDE do 23 de xullo de 2014 pola que se regula a implantación para o curso 2014/15 dos cursos primeiro, terceiro e quinto de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o calendario de aplicación da Lei orgánica 8/2013, para a mellora da calidade educativa.


Área de Matemáticas

As matemáticas son un conxunto de saberes asociados aos números e ás formas, que permiten a
análise de distintas situacións reais. Identifícanse coa dedución, a indución, a estimación, a
aproximación, a probabilidade, a precisión, o rigor, a seguridade etc. e axúdannos a enfrontarnos a
situacións abertas, sen solución única e pechada. Son unha agrupación de ideas e formas que nos
permiten analizar os fenómenos e as situacións que se presentan na realidade para obter informacións e conclusións que non estaban explícitas e actuar, preguntármonos, obter modelos e identificar relacións e estruturas, de modo que comportan, sobre todo, encontrar patróns, regularidades e leis matemáticas e non só utilizar cantidades e formas xeométricas.
Na educación primaria é fundamental o rol do persoal docente, pois debe ser capaz de deseñar tarefas ou situacións de aprendizaxe que posibiliten a aplicación dos coñecementos en situacións 
contextualizadas. Debe orientar a construción individual e colectiva de coñecementos matemáticos que ensinen os nenos e nenas a desenvolver as súas aprendizaxes e que os e as animen a ter as súas propias opinións confrontándoas criticamente con outras fontes de información para melloralas. Búscase alcanzar unha eficaz alfabetización numérica, entendida como a capacidade para enfrontarse con éxito a situacións en que interveñan os números e as súas relacións. Para lograr este obxectivo non basta con dominar os algoritmos de cálculo escrito, é necesario actuar con seguridade ante os números e as cantidades, utilizalos sempre que sexa necesario e identificar as relacións básicas que se dan entre eles.
O traballo nesta área na educación primaria estará asentado na experiencia, as matemáticas apréndense utilizándoas en contextos funcionais relacionados con situacións da vida cotiá, para ir adquirindo progresivamente coñecementos máis complexos a partir das experiencias e dos coñecementos previos. 
A aprendizaxe baseada en competencias debe abordarse de forma conxunta entre todas as áreas e por parte das diversas instancias que conforman a comunidade educativa, tanto nos ámbitos formais, coma nos non formais e informais. O seu dinamismo reflíctese en que as competencias non se adquiren nun determinado momento e permanecen inalterables, senón que implican un proceso de desenvolvemento mediante o cal os individuos van adquirindo maiores niveis de desempeño no seu uso. Para lograr este cambio curricular é preciso favorecer unha visión interdisciplinaria en que cada persoa docente deseñará, implementará e avaliará tarefas integradas nas que o alumnado acade ou elabore un produto social relevante. Para isto é necesario secuenciar unha serie de actividades e exercicios que impliquen procesos cognitivos de diferente nivel. Tendo en conta todo o anterior, resulta imprescindible o traballo colaborativo entre eles, coas familias e con entidades sociais do contexto e unha estreita colaboración entre o persoal docente no desenvolvemento curricular e na transmisión de información sobre a aprendizaxe dos alumnos e das alumnas. 
Os procesos de resolución de problemas constitúen un dos eixes principais da actividade matemática e deben ser fonte e soporte principal da aprendizaxe ao longo da etapa, posto que constitúen a pedra angular da Educación matemática. Na resolución dun problema requírense e utilízanse moitas das capacidades básicas ata a comunicación dos resultados: ler, reflexionar, planificar o proceso de resolución, establecer estratexias e procedementos e revisalos, modificar o plan se é necesario, comprobar a solución se se encontrou.

O currículo básico formulouse partindo do desenvolvemento cognitivo e emocional en que se encontra o alumnado desta etapa, da concreción do seu pensamento, das súas posibilidades cognitivas, do seu interese por aprender e relacionarse cos seus iguais e co ámbito, e do seu paso cara a un pensamento abstracto cara ao final da etapa.

Os contidos organizáronse en cinco grandes bloques para facilitar a concreción curricular:
1.-Procesos, métodos e actitudes en matemáticas. 
2.-Números. 
3.-Medida. 
4.-Xeometría. 
5.-Estatística e probabilidade.
Pero esta agrupación non determina métodos concretos, só é unha forma de organizar os contidos que serán abordados dun xeito enlazado atendendo á configuración cíclica do ensino da área e construíndo uns contidos sobre os outros, como unha estrutura de relacións observables de forma que se facilite a súa comprensión e aplicación en contextos cada vez máis enriquecedores e complexos. Esta agrupación implica unha organización aberta que permitirá distribuír de diferentes maneiras os contidos adoptando a metodoloxía máis adecuada ás características destes e do grupo de alumnos e alumnas. 

O bloque 1 é a columna vertebral do resto dos bloques e debe formar parte do quefacer diario na aula para traballar o resto dos contidos e conseguir que todo o alumnado, ao rematar a educación primaria, sexa quen de describir e analizar situacións de cambio, encontrar patróns, regularidades e leis matemáticas en contextos numéricos, xeométricos e funcionais, valorando a súa utilidade para facer predicións. Débese traballar no afondamento nos problemas resoltos, formulando pequenas variacións nos datos, outras preguntas etc., expresando verbalmente de forma razoada o proceso seguido na resolución dun problema, utilizando procesos de razoamento e estratexias de resolución de problemas, realizando os cálculos necesarios e comprobando as solucións obtidas.
Por último, establecéronse os estándares de aprendizaxe avaliables que permitirán definir os resultados das aprendizaxes, e que concretan mediante accións o que o alumnado debe saber e saber facer na área de Matemáticas. Estes estándares están graduados e secuenciados ao longo da educación primaria e deberán estar todos acadados e consolidados ao finalizar a etapa.
Tendo en conta todo o antedito establécense unha serie de orientacións metodolóxicas para a área que favorecerán un enfoque competencial, así como a consecución, consolidación e integración dos diferentes estándares por parte do alumnado:
.-Potenciarase un enfoque globalizador e interdisciplinario que teña en conta a transversalidade da aprendizaxe fundamentada en competencias. 
.-A selección dos contidos e as metodoloxías activas e contextualizadas deben asegurar o 
desenvolvemento das competencias clave ao longo de toda a etapa. 
Os métodos utilizados deben partir da perspectiva do persoal docente como persoal orientador, promotor e facilitador do desenvolvemento competencial no alumnado; ademais, deben enfocarse á realización de tarefas ou situacións-problema nas cales o alumnado debe resolver facendo uso adecuado dos distintos tipos de coñecementos matemáticos, destrezas, actitudes e valores. Así mesmo, mediante prácticas de traballo individual e cooperativo, terase en conta a atención á diversidade e o respecto polos distintos ritmos e estilos de aprendizaxe.
As estruturas de aprendizaxe cooperativa posibilitarán a resolución conxunta das tarefas e dos 
problemas, e potenciarán a inclusión do alumnado.
Resulta fundamental a motivación por aprender nos alumnos e nas alumnas, polo que o persoal docente deberá xerar neles e nelas a curiosidade e a necesidade de adquirir e aplicar coñecementos, destrezas, actitudes e valores.
O traballo por proxectos, especialmente relevante para a aprendizaxe por competencias, susténtase na proposta dun plan de acción co que se busca conseguir un determinado resultado práctico. Esta metodoloxía pretende axudar o alumnado a organizar o seu pensamento favorecendo nel a reflexión, a crítica, a elaboración de hipóteses e a tarefa investigadora a través dun proceso no que cada un asume a responsabilidade da súa aprendizaxe, aplicando os seus coñecementos e habilidades a proxectos reais. 

Resulta recomendable a aplicación de diferentes técnicas para a avaliación do desempeño do alumnado como por exemplo o porfolio, as rúbricas, mapas mentais, diarios, debates, probas específicas, solución de problemas…

O profesorado debe involucrarse na elaboración e no deseño de diferentes tipos de materiais, adaptados aos distintos niveis e aos diferentes estilos e ritmos de aprendizaxe dos alumnos e das alumnas, co obxecto de atender a diversidade na aula e personalizar os procesos de construción das aprendizaxes. 

Débese potenciar o uso dunha variedade de materiais e recursos, considerando especialmente a
integración das tecnoloxías da información e da comunicación no proceso de ensino-aprendizaxe que permiten o acceso a recursos virtuais. 

A implicación das familias no proceso de ensino-aprendizaxe é un factor determinante que tentaremos potenciar activamente. A súa colaboración redundará positivamente no rendemento e nos resultados académicos do alumnado. 

Finalmente, é necesaria unha adecuada coordinación entre o persoal docente sobre as estratexias
metodolóxicas e didácticas que se utilicen. Os equipos educativos deben formular, con criterios 
consensuados, unha reflexión común e compartida sobre a eficacia das diferentes propostas 
metodolóxicas. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario